A Obra

Sinopse

En O mundo máxico de Pinocho, o público atoparase cunha curiosa adaptación ao teatro musical do clásico de Carlo Collodi. Unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo, que xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato acompañará a Pinocho no camiño de converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no taller de Gepetto, e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro intentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Todo para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.

A participación do público, unha das características de EducaTeatro Producións, que colleitou un grande suceso cos seus anteriores musicais -Carapuchiña Vermella e Os tres porquiños-, será outra constante na nova montaxe. Á entrada ao teatro, repartirase entre todos os asistentes un marcapáxinas con forma de variña máxica para que axuden á Fada Mimadriña nos seus trucos, e ao remate da función, todo o que desexe (e de forma totalmente gratuíta) poderá sacar fotografías cos personaxes da obra.

A proposta, de 60 minutos de duración, mestura diferentes técnicas, como o teatro musical con voz e piano en directo, a maxia de grandes ilusións, as sombras chinesas e os corpóreos. Un completo espectáculo especialmente pensado para o público familiar con cativos a partir de 2 anos. 

 

Información de interese

Público familiar con cativos/as a partir de 2 anos.

Duración: 60 minutos máis fotos cos protagonistas ao remate da función.

Idioma: Galego.